… e para aforrar, o Office

Por Pataco
Dec 11

O Goberno vasco Ven de admitir que lle sae moi caro implantar solucións de software libre para as aplicacións ofimáticas da Administración autonómica. Esta resposta é a consecuencia dun estudo realizado no marco do Plan de Informática e Telecomunicacións (ven sendo o seu PEGSI), que impulsaba o uso de aplicacións libres.

Segundo a vicepresidenta do Goberno autonómico, as aplicacións ofimáticas libres non cubren todolas necesidades do funcionariado, e o desenvolvemento de novas aplicacións conlevaría un excesivo gasto en equipos de programadores. Ademais, o cambio suporía un gasto meirande en soporte técnico. Mellor quedar co que temos, que demostra ser fiable e feitas as contas, máis barato.

Ante este despregue de sabiduría só podo facer un par de pequenas puntualizacións. A saber:

Entón, o combo Windows+Office non precisa de soporte técnico? Ou é máis barato porque contamos cos equipos xa instalados? Nese caso, as computadoras da Administración non se volverán actualizar máis? Os centos de ordenadores de concellos ou entidades que aínda manexarán Windows 98 e o mítico Office 97 quedan fora da ecuación? Ou cóntase que o software veña “de regalo” co PC novo?Clipo, que entrañable!

Pode que si, que o estudo estea ben feito e aínda así, o servizo técnico das solucións libres saia máis caro que as licencias privativas. Entón cabería preguntarse aínda se preferimos un gasto en formación dos funcionarios e técnicos, que pasarían a coñecer duas solucións ofimáticas, a un gasto en licencias, que non supón maior inversión que a adquisición dunha ferramenta que haberá que renovar cada poucos anos.

Non é un argumento novo, pero tamén compre lembrar que o diñeiro non é o único factor que unha Administración ten que ter en conta á hora de decidirse por un ou outro paquete de software. Se falamos de apego a estándares ou da necesidade de que as inversións revirtan no país, Microsoft perde. Porque o País Vasco é grande, pero non chega ata Redmond.

O gasto en equipos de desenvolvemento de software poderíase ver como un investimento nas empresas do país. Unha encarga da Administración pode axudar a moitas compañías que comezan no negocio. En todo caso, as divisas non fuxirían de Euscadi.

Axuda do sur
Tamén se queixa a señora Vicepresidenta de que un ente como o Goberno Vasco é demasiado complexo para unha solución baseada en software libre. E que foi logo de Extremadura? Se non se pode aproveitar o coñecemento dos veciños do sur logo de varios anos funcionando só con aplicacións libres, temos un problema serio. E se a burocracia vasca é tan complexa en relación coa extremeña, os que teñen un problema son eles.

Unha fiestra aberta ó teu escritorio

Por Pataco
Dec 2

Cantas veces te lamentaches por non poder consultar un arquivo que deixaches na casa. Pode que incluso te tortures pensando a ubicación exacta “desa carpetiña” que esqueciches de forma tan inoportuna, ou pode que as descripcións do familiar político de turno non sexan tan específicas como para que poidas oficiar de servizo técnico/pringao.

Nestes momentos, agradecerías simplemente unha fiestra máxica que che permitira ver a pantalla dos teus desvelos. Para controlar o escritorio gráfico dun ordenador por medio de outro existe a tecnoloxía VNC (computación en rede virtual). Non é a tecnoloxía máis veloz do mundo, e cunha conexión lenta pode ser un martirio, pero pode salvarche a mañá se te esqueciches de mander unha copia do traballo ó e-mail.

Instalación

Para executar este pequeno servizo precisas de dous programas distintos: o servidor, que instalaremos no ordenador que queiramos controlar, e o cliente ou visor, que poderemos levar connosco, posto que moitos non precisan nin instalación. A posta en marcha do servidor tampouco é complicada. Os usuarios de windows teñen varias opcións, a máis coñecida RealVNC. A instalación non depara máis sorpresas que un “seguinte” detrás de outro. Os maqueiros teñen esta funcionalidade de serie a partir de Tiger, na carpeta Compartir das preferencias do sistema.Vino Server

En Linux e outros Unix existe vncserver, pero se usas Ubuntu ou outra distribución que traia o escritorio Gnome hai unha forma moi fácil de activar a VNC. Menú Sistema > preferencias > escritorio remoto. Activamos as opcións pertinentes e xa temos feita a primeira parte do traballo, e sen mezclar usuarios de Ubuntu con liña de comandos. Se ademais utilizas un router, posiblemente terás que abrir o porto que utiliza o VNC (e que soe estar entre o 5800 e o 5900).

Se todo vai ben, teremos un servidor en funcionamento apuntando a ningunha parte en concreto. ¿Como contactar con el? Aquí entran en xogo os visores.
TightVNC para Windows e Chicken of the VNC para OSX son boas opcións, e pódense levar nun lápiz usb a calquera lugar. No sistema do pingüino unha boa solución é o Client Terminal Server. O único parámetro que soe ser necesario nestes casos é a dirección IP do ordenador que queiramos “invadir” para que se abra a fiestra máxica.

Tight VNC

Se nos cansamos de memorizar ou apuntar a cadea de numeriños que identifican a nosa computadora, chega o momento de dar un paso máis e configurar un dominio propio (con letras, si!) para o PC. Pero iso ha de ser tema para outro post.

A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo