Arquivo para a categoría Windows.
Feb
8
Gustaríache cambiar de sistema operativo na túa computadora sen ter que andar reiniciando o equipo? A solución é executalo nunha máquina virtual. Por probar, o Pataco vai instalar un Windows XP no corazón do noso Linux, (calquera parecido coa película Alien é pura coincidencia) pero a combinación pode ser calquera outra.

O post é longo e con debuxiños, así que mellor segue lendo despois do salto de páxina
Le o resto da entrada »
Xan
24
A maioría das grandes radios ofertan a posibilidade de que a xente as escoite na rede. É unha moi boa opción para quen está de vacacións, ou traballa fóra da súa cidade, ou simplemente xa ten o ordenador aceso diante e non quere complicarse con máis aparellos.
O caso é que moitos reprodutores de nova xeración (Léase iTunes, Windows Media Player, Amarok…) ofertan distintas emisoras de radio ás que conectarse, o que é unha comodidade, se non fose que a maioría delas son estadounidenses de mais. Que pasa coas emisoras de aquí?
Imos ver o caso da Radio Galega. A versión en internet, visible dende o navegador, non amosa ningún botón ou enlace para gardala nun reprodutor. Sen embargo, o fluxo de audio existe e, navegando por aí, pódese atopar. É este: mms://85.91.64.23/RadioGalega. Para reproducilo, só hai que copiar esta dirección, elexir o botón “Abrir URL” do teu reprodutor favorito e acabouse. Así de sinxelo. Se usas Windows.
¿Que pasa con Linux?
Os linuxeiros teñen que dar un pequeno rodeo, porque o encabezamento mms indícanos que se está a usar un protocolo pechado de Windows, que ben pode ser o vello Microsoft Media Services ou, seguramente, o Real Time Streaming Protocol. O que importa é que nalgunhas das distribucións do pingüín non ven incluído por defecto, polo que nos vai aparecer unha bonita mensaxe de erro.
A solución pasa por instalar o plugin necesario para o reprodutor e o motor de audio que se queira utilizar. Por exemplo, para Rhythmbox, con gstreamer, chega con instalar o paquete gst-plugins-bad. En Debian sería así:
# aptitude install gstreamer0.10-plugins-bad
e o resultado, este:

O meu iTunes (maqueiro) non o reproduce
Segundo din en macosxhints.com, en Mac hai que facer un pequeno hack para que funcione. O primeiro é asegurarse de que está instalado o plug-in Flip4mac, que permite ó OSX tratar co audio e o video de Microsoft. Logo ven o interesante: ábrese o fluxo co Quicktime (si, paciencia, o iTunes ven despois), e gárdase o fluxo como .mov co menú Gardar como… A continuación arrástrase ata a biblioteca musical de iTunes e xa se pode escoitar, coa desventaxa de que non vai estar na categoría de Radios.

Xan
21
Comeza o baile de cifras. Segundo tgdaily, Windows 7, o sucesor de Vista adiantarase uns meses, e estará nas tendas no segundo semestre de 2009. É unha estupenda noticia porque nos da unha base para calcular cando se vai atrasar.
Vista estaba anunciado para finais de 2003 e saiu a finais de 2006, sen algunhas das características que se anunciaran ó comezo. Daquela a Windows 7, Vienna, ou como lle chamen ó final chegará a Galicia, probablemente, en vagóns contedores do flamante novo AVE.

Dec
11
O Goberno vasco Ven de admitir que lle sae moi caro implantar solucións de software libre para as aplicacións ofimáticas da Administración autonómica. Esta resposta é a consecuencia dun estudo realizado no marco do Plan de Informática e Telecomunicacións (ven sendo o seu PEGSI), que impulsaba o uso de aplicacións libres.
Segundo a vicepresidenta do Goberno autonómico, as aplicacións ofimáticas libres non cubren todolas necesidades do funcionariado, e o desenvolvemento de novas aplicacións conlevaría un excesivo gasto en equipos de programadores. Ademais, o cambio suporía un gasto meirande en soporte técnico. Mellor quedar co que temos, que demostra ser fiable e feitas as contas, máis barato.
Ante este despregue de sabiduría só podo facer un par de pequenas puntualizacións. A saber:
Entón, o combo Windows+Office non precisa de soporte técnico? Ou é máis barato porque contamos cos equipos xa instalados? Nese caso, as computadoras da Administración non se volverán actualizar máis? Os centos de ordenadores de concellos ou entidades que aínda manexarán Windows 98 e o mítico Office 97 quedan fora da ecuación? Ou cóntase que o software veña “de regalo” co PC novo?
Pode que si, que o estudo estea ben feito e aínda así, o servizo técnico das solucións libres saia máis caro que as licencias privativas. Entón cabería preguntarse aínda se preferimos un gasto en formación dos funcionarios e técnicos, que pasarían a coñecer duas solucións ofimáticas, a un gasto en licencias, que non supón maior inversión que a adquisición dunha ferramenta que haberá que renovar cada poucos anos.
Non é un argumento novo, pero tamén compre lembrar que o diñeiro non é o único factor que unha Administración ten que ter en conta á hora de decidirse por un ou outro paquete de software. Se falamos de apego a estándares ou da necesidade de que as inversións revirtan no país, Microsoft perde. Porque o País Vasco é grande, pero non chega ata Redmond.
O gasto en equipos de desenvolvemento de software poderíase ver como un investimento nas empresas do país. Unha encarga da Administración pode axudar a moitas compañías que comezan no negocio. En todo caso, as divisas non fuxirían de Euscadi.
Axuda do sur
Tamén se queixa a señora Vicepresidenta de que un ente como o Goberno Vasco é demasiado complexo para unha solución baseada en software libre. E que foi logo de Extremadura? Se non se pode aproveitar o coñecemento dos veciños do sur logo de varios anos funcionando só con aplicacións libres, temos un problema serio. E se a burocracia vasca é tan complexa en relación coa extremeña, os que teñen un problema son eles.
Dec
2
Cantas veces te lamentaches por non poder consultar un arquivo que deixaches na casa. Pode que incluso te tortures pensando a ubicación exacta “desa carpetiña” que esqueciches de forma tan inoportuna, ou pode que as descripcións do familiar político de turno non sexan tan específicas como para que poidas oficiar de servizo técnico/pringao.
Nestes momentos, agradecerías simplemente unha fiestra máxica que che permitira ver a pantalla dos teus desvelos. Para controlar o escritorio gráfico dun ordenador por medio de outro existe a tecnoloxía VNC (computación en rede virtual). Non é a tecnoloxía máis veloz do mundo, e cunha conexión lenta pode ser un martirio, pero pode salvarche a mañá se te esqueciches de mander unha copia do traballo ó e-mail.
Instalación
Para executar este pequeno servizo precisas de dous programas distintos: o servidor, que instalaremos no ordenador que queiramos controlar, e o cliente ou visor, que poderemos levar connosco, posto que moitos non precisan nin instalación. A posta en marcha do servidor tampouco é complicada. Os usuarios de windows teñen varias opcións, a máis coñecida RealVNC. A instalación non depara máis sorpresas que un “seguinte” detrás de outro. Os maqueiros teñen esta funcionalidade de serie a partir de Tiger, na carpeta Compartir das preferencias do sistema.
En Linux e outros Unix existe vncserver, pero se usas Ubuntu ou outra distribución que traia o escritorio Gnome hai unha forma moi fácil de activar a VNC. Menú Sistema > preferencias > escritorio remoto. Activamos as opcións pertinentes e xa temos feita a primeira parte do traballo, e sen mezclar usuarios de Ubuntu con liña de comandos. Se ademais utilizas un router, posiblemente terás que abrir o porto que utiliza o VNC (e que soe estar entre o 5800 e o 5900).
Se todo vai ben, teremos un servidor en funcionamento apuntando a ningunha parte en concreto. ¿Como contactar con el? Aquí entran en xogo os visores.
TightVNC para Windows e Chicken of the VNC para OSX son boas opcións, e pódense levar nun lápiz usb a calquera lugar. No sistema do pingüino unha boa solución é o Client Terminal Server. O único parámetro que soe ser necesario nestes casos é a dirección IP do ordenador que queiramos “invadir” para que se abra a fiestra máxica.

Se nos cansamos de memorizar ou apuntar a cadea de numeriños que identifican a nosa computadora, chega o momento de dar un paso máis e configurar un dominio propio (con letras, si!) para o PC. Pero iso ha de ser tema para outro post.