… e para aforrar, o Office
Por Pataco
Dec 11O Goberno vasco Ven de admitir que lle sae moi caro implantar solucións de software libre para as aplicacións ofimáticas da Administración autonómica. Esta resposta é a consecuencia dun estudo realizado no marco do Plan de Informática e Telecomunicacións (ven sendo o seu PEGSI), que impulsaba o uso de aplicacións libres.
Segundo a vicepresidenta do Goberno autonómico, as aplicacións ofimáticas libres non cubren todolas necesidades do funcionariado, e o desenvolvemento de novas aplicacións conlevaría un excesivo gasto en equipos de programadores. Ademais, o cambio suporía un gasto meirande en soporte técnico. Mellor quedar co que temos, que demostra ser fiable e feitas as contas, máis barato.
Ante este despregue de sabiduría só podo facer un par de pequenas puntualizacións. A saber:
Entón, o combo Windows+Office non precisa de soporte técnico? Ou é máis barato porque contamos cos equipos xa instalados? Nese caso, as computadoras da Administración non se volverán actualizar máis? Os centos de ordenadores de concellos ou entidades que aínda manexarán Windows 98 e o mítico Office 97 quedan fora da ecuación? Ou cóntase que o software veña “de regalo” co PC novo?
Pode que si, que o estudo estea ben feito e aínda así, o servizo técnico das solucións libres saia máis caro que as licencias privativas. Entón cabería preguntarse aínda se preferimos un gasto en formación dos funcionarios e técnicos, que pasarían a coñecer duas solucións ofimáticas, a un gasto en licencias, que non supón maior inversión que a adquisición dunha ferramenta que haberá que renovar cada poucos anos.
Non é un argumento novo, pero tamén compre lembrar que o diñeiro non é o único factor que unha Administración ten que ter en conta á hora de decidirse por un ou outro paquete de software. Se falamos de apego a estándares ou da necesidade de que as inversións revirtan no país, Microsoft perde. Porque o País Vasco é grande, pero non chega ata Redmond.
O gasto en equipos de desenvolvemento de software poderíase ver como un investimento nas empresas do país. Unha encarga da Administración pode axudar a moitas compañías que comezan no negocio. En todo caso, as divisas non fuxirían de Euscadi.
Axuda do sur
Tamén se queixa a señora Vicepresidenta de que un ente como o Goberno Vasco é demasiado complexo para unha solución baseada en software libre. E que foi logo de Extremadura? Se non se pode aproveitar o coñecemento dos veciños do sur logo de varios anos funcionando só con aplicacións libres, temos un problema serio. E se a burocracia vasca é tan complexa en relación coa extremeña, os que teñen un problema son eles.
