Arquivo para a categoría Como anda a horta....

700Mb a unha man

Por Pataco
Mar 16

O sábado pola tarde, como xa ven sendo tradición, celebrouse o campionato de lanzamento de disco da Xuventude Galiza Net. Case medio cento de participantes deixaron o aire viciado da grande sala de ordenadores, e saíron á improvisada pista de lanzamento armados de cadanseu cd, co número de participante rotulado.

E aire si que tomaron porque o vento racheado que acompañaba a tarde santiaguesa facíase notar, sobre todo nos que esqueceron o xersei no recinto. Os organizadores lembraron que só se permitirían lanzamentos de cds, pois nas probas previas, os DVD’s cruzaban todo o campo e caían preto da autopista A-9, que bordea Santiago por detrás do Pazo de Congresos. “Imaxinade que lle cae a un coche a 120km/h, non lle ía facer gracia” xustificou o árbitro, e engadiu, o suficientemente baixo para que todos escoitaran: “…aínda que a nós probablemente si nos faría”.

Lanzamento de disco

O vento foi o grande protagonista do evento deportivo, decidindo cando axudaba, soprando de costas, ou cando estorbaba, mandando os cds ata o aparcadoiro máis próximo. A habilidade nata dos participantes tamén contaba, para desgracia dalgún cámara de vídeo que debeu pensar repetidas veces en esixir o plus de perigosidade para a próxima edición da ‘party’.

O gañador resolveuse moi preto do final, e foi un dos máis novos, Fran Balsa Carnota, o que se levou o gato á auga axudado presuntamente polo vento, como disque o deus Eolo lle botou unha man no seu día a Odiseo. Sorte ou habilidade, o seu nome inscríbese no olimpo dos gañadores desta XGN’08.

Stallman xoga noutra liga

Por Pataco
Xan 31

Richard Stallman¿Que navegador vos parece que usa Richard Stallman, gurú barbado do MIT e demiurgo do movemento do software libre? ¿Será de Firefox/Iceweasel, Opera, Konqueror, Lynx? Non, amigos meus. Este home é dunha época distinta á nosa. Nunha lista de correo de OpenBSD, asegurou que el non usa ningún.

Para navegar “envío un mail a un demo (proceso que unha computador executa continuamente en segundo plano) que executa wget (minimalista programa UNIX para descargar arquivos de internet) e me reenvía a min a páxina”. E parece que o dicía en serio.

Podería ser peor. Podería ter respondido “Emacs“. E non dubiden que se pode.

Quen tivese un profesor así

Por Pataco
Xan 29

…que publique no seu blog as preguntas dun exame o día antes. A noticia xa ten uns días, e cheguei a ela de rebote vía dorfun. Un profesor da facultade de Informática da Universidade de Murcia colgou o exame de Sistemas Distribuidos, unha asignatura de último ano, no seu espazo na rede. Tiña truco, claro. Estaba cifrado. Ora ben, non era un encriptado deses que din que se tardan anos en romper se non sabes a clave. O mesmo mestre deu a solución despois do exame, e realmente só empregaba uns cantos programas para UNIX que seguro que os seus alumnos coñecían (od, xdelta…) e o sistema de cifrado máis vello que se coñece, unha versión básica que do que usaba Xulio César, e que consiste en cambiar cada letra pola que está 13 posicións despois no alfabeto.

A esta permutación tan simple chámanlle ROT13, e ten como particularidade que aplicada dúas veces volve ó resultado inicial, se o aplicamos, como soe ser habitual, nun alfabeto latino que ten 26 letras. No español, por culpa da ñ, perde toda a gracia. Na wikipedia hai un gráfico moito máis claro que as miñas palabras:

Rot14

Resolto, o enigma semella trivial. Pero isto tamén lle acontecía ó mesmísimo Sherlock Holmes, que se queixaba de que cando lle explicaba a alguén os seus razonamentos perdía esa aura de xenio, pois todo problema semella simple cando xa está resolto. Por iso a pregunta é ¿perderiades a última noite antes dun exame tentando resolver un acertixo do voso profesor?¿Ou durmiriades a perna solta sabendo que ninguén da pesos a catro pesetas e que non o iades resolver en 5 minutos?¿Utilizou o mestre un algoritmo tan simple para mortificar ós seus alumnos, sabendo que non serían capaces de resolvelo? Dende logo, os profesores de letras non eran tan creativos…

PS: Para quen lle guste resolver estes pasatempos a auga pasada, un par de indicacións:

  • O pdf que se utiliza como parche no penúltimo paso pódese atopar aquí
  • Nos meus repositorios non hai ningún programa que se chame rot13, pero hai ducias de implementacións deste algoritomo nas linguaxes máis raras. eu escollín esta, feita en bash:

#!/bin/bash
cat "$@" | tr '[a-m][n-z][A-M][N-Z]' '[n-z][a-m][N-Z][A-M]'

Método de adelgazamento do doutor Jobs

Por Pataco
Xan 15

Estimado/a señor/a:

Agora Vostede pode perder peso! Directamente dende a antiga e sabia China temos o gusto de presentarlle o Método Definitivo de Adelgazamento do Doutor Jobs! [soa un gong]. Elimine dunha vez e por todas eses quilos que non utiliza, e tamén algúns que sí utiliza. Non rechiste, faga caso, xa verá que figura máis xeitosa consegue! Está preparado?

Homer JobsPois logo ingrese a cantidade de $3.098 na nosa conta bancaria de Nixeria Cupertino. Non se nos bote atrás agora, carai… Claro que temos unha versión máis barata, pero é algo máis rudimentaria, só para xente sen glamur, non coma Vostede. E si, temos escoitado rumores de que a competencia oferta o mesmo cun prezo ben máis barato, pero son métodos de curandeira de aldea, non coma o noso.

Agora reláxese. Bote pra fora todo o que lle molesta. Pra que quere esa gravadora de DVD? Non escoitou que é un formato obsoleto? Quen usa xa os vellos CDs? Vostede non precisa unha gravadora, nin un lector deses discos tan grandes que parecen rodas de muíño. Esquézase das súas copias de respaldo dos últimos anos. Agora vive nun mundo novo…

Siga liberándose das súas ataduras… Que fai aí co cable de rede? Iso é unha síntoma de submisión voluntaria. Libérese, ho! Nos sitios ‘cool’ a onde vai ir a partir de agora todo funciona sen fíos. E se non é así, por que ir aló se ninguén se vai por verde de envidia co seu talle?

E xa postos… Para que tanto USB? Este método cre firmemente que este é un porto sobrevalorado. Se precisase usar unha gravadora externa, un adaptador RJ45, un rato, un disco duro, un lector de tarxetas, un micro ou unha tableta gráfica viríalle ben ter máis dun USB. Pero xa lle dixemos que Vostede non volverá depender destes aparellos. O noso Método non precisa de aditivos inútiles que só crean dependencia!

Ben, ben, xa empezamos a profundar no método. Pero vai necesitar dun procesador máis finiño, ese é demasiado gordo! Non importa que a potencia de procesamento baixe, o importante está no exterior!

Dicía o slogan de Apple que hai algo no aire. A min quedoume a sensación de que nos venderon fume.

… san Google nolo quita

Por Pataco
Xan 11

Licenciada en Arquitectura…
MBA polo Instituto de Empresa…
PDG polo IESE…
Directora xerente para España e Portugal en Dell…
Directora Xeral de Operacións do grupo NH Hoteles…
Elexida por The Wall Street Journal como unha das 30 empresarias máis poderosas de Europa en 2001…
Está entre as 50 executivas máis influíntes do mundo, segundo a revista Fortune, e unha das 50 mellores de Europa, segundo Financial Times…

Etc, etc,…isabel

Ata agora era a Directora Xeral da División de Google en España e Portugal. Deixa repentinamente o seu traballo, e, con semellante currículo, o seu xefe en Europa, Mats Carduner, asegura de todo corazón que o lamentan moito.
Por certo, escapóuselle nunha entrevista, hai cousa dun ano, un pequeno secreto de empresa sobre algo dun proxecto de Google relacionado con telefonía móbil. Unha menudencia.
A Pataca, sempre atenta ó quite, ofértase para o posto de traballo que deixa vacante esta directiva. A pataca lembra que veu de fábrica sen boca.

Un ídolo geek

Por Pataco
Dec 18

Seguro que todos vostedes viron algunha vez unha desas figuras de San Pancracio de plástico cunha moediña de 25 pesetas que din que traen sorte. Ben. Agora imaxinen, con esa mesma forma, pero con algo máis de barriga ós dous santos geeks por excelencia. A un lado da pantalla, San IGNUcius. Ó outro, Mariano Rajoy. Non, en serio. Hai posibilidades de que este home, posiblemente sen querelo, se convirta no heroe dos internautas e consumidores en xeral de todo o Estado. Porque por unhas palabras ditas a destempo, este insigne galego -despois disto xa lle podemos dar o título, non?- pode ser o paladín que acabe co canon dixital en España.

Canon o bárbaro

Ben, isto xa da para o comezo dunha novela de Dan Brown. Véxamos…. “A entrada da cova, a piques de enfrontarse ó monstro de sete cabezas, o valente Mariano matinaba nas accións que o levaran a este desenlace…”

The facts (ou ‘Non nos liemos’)
As orixes recentes da historia podémolas atopar na tramitación da Lei de Propiedade Intelectual, aprobada alá por xuño. Nela definíase o canon, imposto que pagan os fabricantes -léase os consumidores- polo suposto uso ilegal que lle van dar a CDs, dispositivos USB, memorias Flash, móbiles, e outros. Que isto sexa o equivalente a pedir cartos ós cordeleiros porque as cordas valen para aforcar, ou que cometeran a bestialidade de querer cobralo con retroactividade, fundindo ós pequenos distribuidores, non influiu no resultado final.

Saltando algo no tempo, e obviando ademais que o canon non se aplicou porque os que teñen que decidir os prezos non acaban de porse de acordo, chegamos ó que se votou a semana pasada no Senado. A Lei de medidas de Impulso á Sociedade da Información (a LISI). Un pelotón de normas que foron quedando fóra doutras leis, e que deben servir para que nos sintamos máis 2.0. Un político galego tipo definiríaa como unha “lei transversal”, posto que modifica, polo momento, outras 5 leis.

Ata agora, a LISI era coñecida polos seus intentos máis ou menos encubertos de permitir ás entidades de xestión pechar webs, e nun plano máis alegre, por tentar garantir a banda ancha para todos no prazo dun ano.

E o PP dixo ‘Non’ (ou ’sí’, ou o que dixese)
Na Cámara Alta, a Entesa Catalana propuxo unha enmenda para obrigar ó Goberno a esquecerse do canon no prazo dun ano, e todos votaron polo si, salvo o PSOE. Dende o PP díxose nun primeiro momento que os seus senadores se equivocaran ó votar, pero estes confirmaron a súa decisión, e como non se falaba de ETA nin de fútbol, a cúpula do PP quedou desorientada sen saber cal era a postura oficial, e mirou cara o seu líder.

A todo isto, Mariano estaba en Arxentina, e como todo político con micro, non perdeu ocasión para posicionarse. Falou alto e claro, pero cun tono postelectoral: “se gaño eu…”. Só que en Madrí precisaban con urxencia un referente, e decidiron facer “lo que diga el presi”.

Así que agora Mariano, á entrada da cova (diso se trataba, non?) pensa nas opcións que ten de enfrontarse ó monstro. Apoiar ó canon de novo, votando ‘Non’ é algo arriscado. Os electores poden esquecer as promesas feitas o mes antes, pero non as de hai menos dunha semana. E coas eleccións tan preto, e ese millón e medio de votos firmas…

Tampouco é grata a opción de dicir que ’si’, a secas. Porque para ser unha entidade sen ánimo de lucro, a SGAE é mellor tela do teu bando que na beirarrúa de enfronte. E ademais, cumprir unha promesa electoral ANTES das eleccións? Pero en qué país civilizado se viu iso?

Queda a abstención. A idea primixenia. “Se eu goberno, moverei montañas”. Que elegante, que afeitos estamos todos a iso. Sería o lóxico. Pero entón, esvaeríase para sempre o de compartir escritorio con Richard Stallman baixo a forma dun icono cuasirelixoso. ¿Que elixirá Mariano?

A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo

Comentarios recentes