Arquivo para a categoría Apple.

As 10 cousas que non podes facer co iPhone SDK

Por Pataco
Mar 17

Tras preparar unha armada de Carrexadores Imperiais para o 9M, e despois do seu Capua persoal na Xuventude Galiza Net, o pataco volve para coidar da horta. Durante este tempo aconteceron varias cousas interesantes. Sen ir máis lonxe, a nosa compañía favorita publicou o Kit de Desenvolvemento para o seu iPhone.

Dende aquí animamos a todo o mundo que teña algo de idea a crear bonitas e fantasiosas aplicacións para este aparelliño, pero coidado, hai perigos ocultos. Cumprindo coa súa encomenda social, e para evitar que os nosos escasos lectores acaben empapelados pola multinacional de Cupertino, ofrecemos a Lista de Cousas que Non Podes Facer co SDK do iPhone (recén colleitadas da licencia de Apple). A saber:

Owned!- Non podes distribuir un programa que non estea aprobado por Apple Inc., nin por suposto, a través doutras canles que non sexan a súa tenda. Isto é o que sempre quixeron facer con iTunes, pero como non poden, pagamos a rabieta aquí.

- Non podes instalar o SDK nunha máquina que non sexa Apple. Empecei a coller a indirecta cando vin que só se podía descargar en formato DMG…

- Non podes crear un programa que sobrecargue a rede… segundo os parámetros de Apple.

- Non podes utilizalo para escribir un programa que poida axudar a cometer un crime ou acto ilegal. Así que esquezámonos das follas de cálculo, que dan para tantos desfalcos, ou os procesadores de texto, que son o soporte de moitos delitos…

- Non podes crear nin adaptar con el aplicacións que chamen a código executable externo, nin un triste plugin. Polo tanto, nada de Firefox, Opera, Gimp/Potochó, e calquera outra aplicación extensible con scripts.

- Non podes utilizar linguaxes interpretadas. Vaite esquecendo de Python, Ruby, .NET, e outras polo estilo.

- Non podes crear software de grabación que non advirta dunha forma ostentosa que está a gravar. Hala, xa non podemos ser espías ‘cool’.

- Non podes deseñar aplicacións que controlen vehículos. O que diciamos, que este non pode ser o teléfono de James Bond.

- Non podes facer GPS co SDK. Ben, realmente a licencia dí que non podes crear aplicacións deseñadas para servir de guía en tempo real, pero non nos imos poñer con matices.

- Non podes programar aplicacións VoIP -chamémoslle Skype- que usen a rede celular. Menos mal que en Galicia temos WiFi dende Fisterra á Fonsagrada, que senon érache un problema…

Agora xa sabedes, meus. Avisados quedades.

Arquivado en: Apple | Comentarios (3)

Método de adelgazamento do doutor Jobs

Por Pataco
Xan 15

Estimado/a señor/a:

Agora Vostede pode perder peso! Directamente dende a antiga e sabia China temos o gusto de presentarlle o Método Definitivo de Adelgazamento do Doutor Jobs! [soa un gong]. Elimine dunha vez e por todas eses quilos que non utiliza, e tamén algúns que sí utiliza. Non rechiste, faga caso, xa verá que figura máis xeitosa consegue! Está preparado?

Homer JobsPois logo ingrese a cantidade de $3.098 na nosa conta bancaria de Nixeria Cupertino. Non se nos bote atrás agora, carai… Claro que temos unha versión máis barata, pero é algo máis rudimentaria, só para xente sen glamur, non coma Vostede. E si, temos escoitado rumores de que a competencia oferta o mesmo cun prezo ben máis barato, pero son métodos de curandeira de aldea, non coma o noso.

Agora reláxese. Bote pra fora todo o que lle molesta. Pra que quere esa gravadora de DVD? Non escoitou que é un formato obsoleto? Quen usa xa os vellos CDs? Vostede non precisa unha gravadora, nin un lector deses discos tan grandes que parecen rodas de muíño. Esquézase das súas copias de respaldo dos últimos anos. Agora vive nun mundo novo…

Siga liberándose das súas ataduras… Que fai aí co cable de rede? Iso é unha síntoma de submisión voluntaria. Libérese, ho! Nos sitios ‘cool’ a onde vai ir a partir de agora todo funciona sen fíos. E se non é así, por que ir aló se ninguén se vai por verde de envidia co seu talle?

E xa postos… Para que tanto USB? Este método cre firmemente que este é un porto sobrevalorado. Se precisase usar unha gravadora externa, un adaptador RJ45, un rato, un disco duro, un lector de tarxetas, un micro ou unha tableta gráfica viríalle ben ter máis dun USB. Pero xa lle dixemos que Vostede non volverá depender destes aparellos. O noso Método non precisa de aditivos inútiles que só crean dependencia!

Ben, ben, xa empezamos a profundar no método. Pero vai necesitar dun procesador máis finiño, ese é demasiado gordo! Non importa que a potencia de procesamento baixe, o importante está no exterior!

Dicía o slogan de Apple que hai algo no aire. A min quedoume a sensación de que nos venderon fume.

¿Que vai dicir o tío Steve?

Por Pataco
Xan 14

Un dos deportes favoritos entre os maqueiros máis fanáticos é o de facer de adivinos cada vez que o tío Steve da unha charla (léase keynote). Os señores de Apple teñen a gala levar en segredo as súas grandes novidades e soltalas así, todas xuntas, como nunha sesión de sicoanalista. Incluso circula por aí un xogo en flash no que tomas o rol de Jobs e tes que esquivar ós xornalistas que van trala exclusiva.

Se Steve Jobs por un día

Para o espectáculo que se vai celebrar mañá día 15, os rumorólogos xa teñen preparada a súa particular lista. Se acertan, demostrarán que son os máis informados da galaxia, e se fallan, expresarán a súa ‘decepción’ porque a keynote foi descafeinada.

Le o resto da entrada »

Arquivado en: Apple, Mac | Comentarios (0)

ThinkSecret non morderá máis na mazá

Por Pataco
Dec 25

A semana pasada remataba cun feito ben significativo no mundo dos blogueiros e dos usuarios de Apple. logo dentesA páxina adicada á rumoroloxía maqueira -esta xente éche ‘cool’ ata pra lerchear- ThinkSecret pechaba despois de chegar a un acordo coa empresa de Cupertino, que os denunciara un par de anos atrás por revelar información confidencial, é dicir, por chafarlle ó tito Jobs os seus grandes anuncios e “uan mor zings“.

A demanda tivo a súa orixe no ‘caso Asteroid’. Algúns sitios de noticias comezaron a informar de que Apple fabricaría un dispositivo chamado Asteroid, que se podería conectar co programa de composición musical Garageband. Máis tarde sóubose que tal aparello non existiría, senón que fora unha invención da dirección da empresa para descubrir quen vendía os seus segredos. Mais nunca se chegou a actuar contra ningún empregado, e as páxinas adicadas a rumores foron as que pagaron o pato.

A paz beneficia sobre todo ó creador do portal, un rapaz que non chegaba á vintena cando comezou esta aventura. O mozo di que a decisión lle da tranquilidade para adicarse ós seus estudos universitarios.

Apple chegara a ameazalo co cárcere, e ata agora ofertáballe o perdón, e posiblemente unha boa cantidade de diñeiro, a cambio de revelar a(s) súa(s) fonte(s) dentro da empresa. Finalmente non a revelou.

O que ven a demostrar esta maniobra que a piques estivo de resultar para a empresa da mazá é a distancia que separa a un blogueiro dun xornalista. O dereito a reservar as fontes é case sagrado no xornalismo norteamericano, que ante calquera ameaza che recita a Primeira Enmenda da súa Constitución, que recolle expresamente a liberdade de prensa (xusto ó lado da de expresión). Para aplicar este principio a un blogger, os abogados suaron tinta dous anos.

Quizais a parte positiva do asunto sexa que nos Estados Unidos conseguiron demostrar que ante os atropelos dunha multinacional, calquera persoa que traballe con noticias ten os mesmos dereitos deontolóxicos ca un xornalista. ¿Canto disto chegará á nosa periferia?

Arquivado en: Apple, Mac, A Rede | Comentarios (0)
A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo

Comentarios recentes