Feb
25
O grupo de usuarios de Linux da Galiza vai colaborar, á súa maneira, na Xuventude Galiza Net. Queren ter traducido para o 14 de Marzo o Battle for Wesnoth ao galego, para pasalo mellor nos torneos deste xogo libre.
Para esta traducción a contrarreloxo piden voluntarios. Ata agora teñen volcado ao galego o 55% dos contidos. Quen queira colaborar só ten que porse en contacto con eles, no espazo que teñen creado na forxa de Mancomún.

O xogo é multiplataforma, tanto funciona con Windows como con Linux ou OSX, ademáis doutras oito plataformas recoñecidas oficialmente. Ven sendo unha mistura de rol e estratexia por turnos. Xógase sobre un escenario de celdas hexadecimais e a historia, as características das personaxes e a intelixencia artificial están moi ben logradas. Dende este humilde blog non llelo recomendamos a ninguén que estea en exames, oposicións, épocas de estrés ou moito traballo porque é moi, moi aditivo.
Feb
13
A moitos de nos éntranos o vicio consumista como remedio ós grandes males. Xa se sabe, afogar as penas nun centro comercial. Non se preocupe, as grandes empresas tamén o fan.
Fíxese se non no caso de Microsoft, que responde ó plante de Yahoo! mercando empresas de dúas en dúas, feliz por quitarlle un caramelo da boca ó seu arquirrival Google. Fíxese en Yahoo!, que expresa a súa (postreira?) rabieta independentista mercando unha empresa de video do máis 2.0.
Hannos convencer de que eran operacións pensadas dende hai meses. Ata terán razón, pero semella un ataque de celos por partida dobre. Pensándoo ben, a Microsoft seríalle un engorro mercar unha empresa como Danger, cun modelo de negocio tan semellante ás úlitmas apostas de Yahoo!, como o seu software Go.

Por certo, se hai algún fan de Yahoo! na sala que quere repetir as veces que sexa a labazada desta empresa a Microsoft, pode calmar as súas ansias neste ring de preguntas e respostas. Lástima que non se poida escoller a Steve Ballmer de adversario, pero Jerry Yang ten unha boa pegada.
Dec
25
A semana pasada remataba cun feito ben significativo no mundo dos blogueiros e dos usuarios de Apple.
A páxina adicada á rumoroloxía maqueira -esta xente éche ‘cool’ ata pra lerchear- ThinkSecret pechaba despois de chegar a un acordo coa empresa de Cupertino, que os denunciara un par de anos atrás por revelar información confidencial, é dicir, por chafarlle ó tito Jobs os seus grandes anuncios e “uan mor zings“.
A demanda tivo a súa orixe no ‘caso Asteroid’. Algúns sitios de noticias comezaron a informar de que Apple fabricaría un dispositivo chamado Asteroid, que se podería conectar co programa de composición musical Garageband. Máis tarde sóubose que tal aparello non existiría, senón que fora unha invención da dirección da empresa para descubrir quen vendía os seus segredos. Mais nunca se chegou a actuar contra ningún empregado, e as páxinas adicadas a rumores foron as que pagaron o pato.
A paz beneficia sobre todo ó creador do portal, un rapaz que non chegaba á vintena cando comezou esta aventura. O mozo di que a decisión lle da tranquilidade para adicarse ós seus estudos universitarios.
Apple chegara a ameazalo co cárcere, e ata agora ofertáballe o perdón, e posiblemente unha boa cantidade de diñeiro, a cambio de revelar a(s) súa(s) fonte(s) dentro da empresa. Finalmente non a revelou.
O que ven a demostrar esta maniobra que a piques estivo de resultar para a empresa da mazá é a distancia que separa a un blogueiro dun xornalista. O dereito a reservar as fontes é case sagrado no xornalismo norteamericano, que ante calquera ameaza che recita a Primeira Enmenda da súa Constitución, que recolle expresamente a liberdade de prensa (xusto ó lado da de expresión). Para aplicar este principio a un blogger, os abogados suaron tinta dous anos.
Quizais a parte positiva do asunto sexa que nos Estados Unidos conseguiron demostrar que ante os atropelos dunha multinacional, calquera persoa que traballe con noticias ten os mesmos dereitos deontolóxicos ca un xornalista. ¿Canto disto chegará á nosa periferia?