700Mb a unha man
Por Pataco
Mar 16O sábado pola tarde, como xa ven sendo tradición, celebrouse o campionato de lanzamento de disco da Xuventude Galiza Net. Case medio cento de participantes deixaron o aire viciado da grande sala de ordenadores, e saíron á improvisada pista de lanzamento armados de cadanseu cd, co número de participante rotulado.
E aire si que tomaron porque o vento racheado que acompañaba a tarde santiaguesa facíase notar, sobre todo nos que esqueceron o xersei no recinto. Os organizadores lembraron que só se permitirían lanzamentos de cds, pois nas probas previas, os DVD’s cruzaban todo o campo e caían preto da autopista A-9, que bordea Santiago por detrás do Pazo de Congresos. “Imaxinade que lle cae a un coche a 120km/h, non lle ía facer gracia” xustificou o árbitro, e engadiu, o suficientemente baixo para que todos escoitaran: “…aínda que a nós probablemente si nos faría”.

O vento foi o grande protagonista do evento deportivo, decidindo cando axudaba, soprando de costas, ou cando estorbaba, mandando os cds ata o aparcadoiro máis próximo. A habilidade nata dos participantes tamén contaba, para desgracia dalgún cámara de vídeo que debeu pensar repetidas veces en esixir o plus de perigosidade para a próxima edición da ‘party’.
O gañador resolveuse moi preto do final, e foi un dos máis novos, Fran Balsa Carnota, o que se levou o gato á auga axudado presuntamente polo vento, como disque o deus Eolo lle botou unha man no seu día a Odiseo. Sorte ou habilidade, o seu nome inscríbese no olimpo dos gañadores desta XGN’08.
