A resaca dun ‘non’
Por Pataco
Feb 13A moitos de nos éntranos o vicio consumista como remedio ós grandes males. Xa se sabe, afogar as penas nun centro comercial. Non se preocupe, as grandes empresas tamén o fan.
Fíxese se non no caso de Microsoft, que responde ó plante de Yahoo! mercando empresas de dúas en dúas, feliz por quitarlle un caramelo da boca ó seu arquirrival Google. Fíxese en Yahoo!, que expresa a súa (postreira?) rabieta independentista mercando unha empresa de video do máis 2.0.
Hannos convencer de que eran operacións pensadas dende hai meses. Ata terán razón, pero semella un ataque de celos por partida dobre. Pensándoo ben, a Microsoft seríalle un engorro mercar unha empresa como Danger, cun modelo de negocio tan semellante ás úlitmas apostas de Yahoo!, como o seu software Go.
Por certo, se hai algún fan de Yahoo! na sala que quere repetir as veces que sexa a labazada desta empresa a Microsoft, pode calmar as súas ansias neste ring de preguntas e respostas. Lástima que non se poida escoller a Steve Ballmer de adversario, pero Jerry Yang ten unha boa pegada.

