Método de adelgazamento do doutor Jobs
Por Pataco
Xan 15Estimado/a señor/a:
Agora Vostede pode perder peso! Directamente dende a antiga e sabia China temos o gusto de presentarlle o Método Definitivo de Adelgazamento do Doutor Jobs! [soa un gong]. Elimine dunha vez e por todas eses quilos que non utiliza, e tamén algúns que sí utiliza. Non rechiste, faga caso, xa verá que figura máis xeitosa consegue! Está preparado?
Pois logo ingrese a cantidade de $3.098 na nosa conta bancaria de Nixeria Cupertino. Non se nos bote atrás agora, carai… Claro que temos unha versión máis barata, pero é algo máis rudimentaria, só para xente sen glamur, non coma Vostede. E si, temos escoitado rumores de que a competencia oferta o mesmo cun prezo ben máis barato, pero son métodos de curandeira de aldea, non coma o noso.
Agora reláxese. Bote pra fora todo o que lle molesta. Pra que quere esa gravadora de DVD? Non escoitou que é un formato obsoleto? Quen usa xa os vellos CDs? Vostede non precisa unha gravadora, nin un lector deses discos tan grandes que parecen rodas de muíño. Esquézase das súas copias de respaldo dos últimos anos. Agora vive nun mundo novo…
Siga liberándose das súas ataduras… Que fai aí co cable de rede? Iso é unha síntoma de submisión voluntaria. Libérese, ho! Nos sitios ‘cool’ a onde vai ir a partir de agora todo funciona sen fíos. E se non é así, por que ir aló se ninguén se vai por verde de envidia co seu talle?
E xa postos… Para que tanto USB? Este método cre firmemente que este é un porto sobrevalorado. Se precisase usar unha gravadora externa, un adaptador RJ45, un rato, un disco duro, un lector de tarxetas, un micro ou unha tableta gráfica viríalle ben ter máis dun USB. Pero xa lle dixemos que Vostede non volverá depender destes aparellos. O noso Método non precisa de aditivos inútiles que só crean dependencia!
Ben, ben, xa empezamos a profundar no método. Pero vai necesitar dun procesador máis finiño, ese é demasiado gordo! Non importa que a potencia de procesamento baixe, o importante está no exterior!
Dicía o slogan de Apple que hai algo no aire. A min quedoume a sensación de que nos venderon fume.

O que soa patético é esta forma tan antiga de querer parecer “enterado”. Falo mal dos mellores e seguro que algún idiota pensa que son o non vai máis. Das pena ou asco, ou as dúas cousas. Anda a facer algo de proveito, tontaina.
#1 Pessoa, éche boa verdade iso de que moitos maqueiros actúan como se pertenceran a unha secta…
Pessoa, ben é certo que nunca tiven un MacBook Air entre as mans. Así que o que falo, neste caso, é a miña opinión.
En lugar de chamar patética á xente e os tubérculos (sería patático), preferiría a túa valoración sobre que aporta este novo trebello aos usuarios, e por qué debería alguen decantarse por esta nova criatura, en lugar de, por exemplo, un MacBook de andar por casa.
Moi agradecido
Si, si, pero que bonito é.