¿Que vai dicir o tío Steve?

Por Pataco
Xan 14

Un dos deportes favoritos entre os maqueiros máis fanáticos é o de facer de adivinos cada vez que o tío Steve da unha charla (léase keynote). Os señores de Apple teñen a gala levar en segredo as súas grandes novidades e soltalas así, todas xuntas, como nunha sesión de sicoanalista. Incluso circula por aí un xogo en flash no que tomas o rol de Jobs e tes que esquivar ós xornalistas que van trala exclusiva.

Se Steve Jobs por un día

Para o espectáculo que se vai celebrar mañá día 15, os rumorólogos xa teñen preparada a súa particular lista. Se acertan, demostrarán que son os máis informados da galaxia, e se fallan, expresarán a súa ‘decepción’ porque a keynote foi descafeinada.

A aposta máis alta nesta ocasión é a presentación dun portátil ultrafino/ultraportable. Ata lle saben o nome: MacBook Air. As especulacións desatáronse despois de verse as primeiras fotos do local, nas que se ve un eslógan: “2008 there’s something in the air” cunha letra particularmente fina. O gracioso é que ó final terán razón. A outra ‘proba’ foi que o nome MacBook Air apareceu nas estatísticas da páxina web de Adium, un programa de mensaxería para Mac.

En dique seco
Moitas linguas tamén falan da renovación de dous dispositivos que están ‘de capa caída’ nos últimos meses. Un é o mac mini, tremendamente popular cando se lanzou, pero que precisa unha posta ó día para igualarse en aspecto e prestacións ó resto das computadoras de Apple.

O outro, a Apple TV, xa naceu algo eivada. Era demasiado ríxida para ser un auténtico centro multimedia, pois a falla de gravador ou reprodutor de DVD e Divx, e a súa escesiva dependencia da tenda de Apple fixeron que poucos usuarios a tivesen en conta. É posible que este evento de Apple vexa unha actualización deste dispositivo, engadíndolle un sintonizador TDT e gravador en alta definición, por exemplo.

Asegurando…
Do que están máis seguros os especialistas en rumoroloxía é da renovación do firmware do iPhone, o que supón novas funcionalidades. Suponse que tamén se presentará o esperado kit de desenvolvemento (SDK) para o teléfono de Apple, que permitirá que terceiros realicen aplicacións para esta plataforma. Tamén é case seguro que se anunciará a renovación da tenda de iTunes, que posibilitará o alquiler de películas.

… e arriscando
Pola contra, poucas posibilidades lle queda á Tablet-Mac, o ordenador con pantalla táctil e funcións de bloc de notas, sobre todo cando vai cobrando forza a opción do MacBook Air. Tampouco parece que se vaia presentar un irmán pequeno dese ladrillo que é o iPhone, xa que este aínda non chegou sequera a tódolos mercados (léase a nós), e unha versión máis ‘curriña’ podería ralentizar as súas vendas.

E hai dúbidas co Blu-Ray. Hai un par de semanas era unha aposta case fixa, pero perdeu moitos enteiros despois de que se presentase o novo Mac Pro durante a feira de Las Vegas, a semana pasada. Moi raro sería que os ‘irmáns pequenos’ desfrutasen dun luxo que non trae a computadora máis potente da familia.

O post é bastante longo, e é dificil levar a conta de tódolos trebellos que se poden anunciar/actualizar. Para non lear ós sufridos fans da mazá, moitas páxinas ofertan un práctico bingo, que ademais pode ofertar algúns momentos de diversión se vives ou traballas con varias persoas tan frikis coma tí. Gizmología ten unha versión en castelán.

bingo de Gizmología

Arquivado en: Apple, Mac

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo