Arquivo de Xaneiro, 2008.

Stallman xoga noutra liga

Por Pataco
Xan 31

Richard Stallman¿Que navegador vos parece que usa Richard Stallman, gurú barbado do MIT e demiurgo do movemento do software libre? ¿Será de Firefox/Iceweasel, Opera, Konqueror, Lynx? Non, amigos meus. Este home é dunha época distinta á nosa. Nunha lista de correo de OpenBSD, asegurou que el non usa ningún.

Para navegar “envío un mail a un demo (proceso que unha computador executa continuamente en segundo plano) que executa wget (minimalista programa UNIX para descargar arquivos de internet) e me reenvía a min a páxina”. E parece que o dicía en serio.

Podería ser peor. Podería ter respondido “Emacs“. E non dubiden que se pode.

Quen tivese un profesor así

Por Pataco
Xan 29

…que publique no seu blog as preguntas dun exame o día antes. A noticia xa ten uns días, e cheguei a ela de rebote vía dorfun. Un profesor da facultade de Informática da Universidade de Murcia colgou o exame de Sistemas Distribuidos, unha asignatura de último ano, no seu espazo na rede. Tiña truco, claro. Estaba cifrado. Ora ben, non era un encriptado deses que din que se tardan anos en romper se non sabes a clave. O mesmo mestre deu a solución despois do exame, e realmente só empregaba uns cantos programas para UNIX que seguro que os seus alumnos coñecían (od, xdelta…) e o sistema de cifrado máis vello que se coñece, unha versión básica que do que usaba Xulio César, e que consiste en cambiar cada letra pola que está 13 posicións despois no alfabeto.

A esta permutación tan simple chámanlle ROT13, e ten como particularidade que aplicada dúas veces volve ó resultado inicial, se o aplicamos, como soe ser habitual, nun alfabeto latino que ten 26 letras. No español, por culpa da ñ, perde toda a gracia. Na wikipedia hai un gráfico moito máis claro que as miñas palabras:

Rot14

Resolto, o enigma semella trivial. Pero isto tamén lle acontecía ó mesmísimo Sherlock Holmes, que se queixaba de que cando lle explicaba a alguén os seus razonamentos perdía esa aura de xenio, pois todo problema semella simple cando xa está resolto. Por iso a pregunta é ¿perderiades a última noite antes dun exame tentando resolver un acertixo do voso profesor?¿Ou durmiriades a perna solta sabendo que ninguén da pesos a catro pesetas e que non o iades resolver en 5 minutos?¿Utilizou o mestre un algoritmo tan simple para mortificar ós seus alumnos, sabendo que non serían capaces de resolvelo? Dende logo, os profesores de letras non eran tan creativos…

PS: Para quen lle guste resolver estes pasatempos a auga pasada, un par de indicacións:

  • O pdf que se utiliza como parche no penúltimo paso pódese atopar aquí
  • Nos meus repositorios non hai ningún programa que se chame rot13, pero hai ducias de implementacións deste algoritomo nas linguaxes máis raras. eu escollín esta, feita en bash:

#!/bin/bash
cat "$@" | tr '[a-m][n-z][A-M][N-Z]' '[n-z][a-m][N-Z][A-M]'

A Radio Galega no teu reprodutor favorito

Por Pataco
Xan 24

A maioría das grandes radios ofertan a posibilidade de que a xente as escoite na rede. É unha moi boa opción para quen está de vacacións, ou traballa fóra da súa cidade, ou simplemente xa ten o ordenador aceso diante e non quere complicarse con máis aparellos.

O caso é que moitos reprodutores de nova xeración (Léase iTunes, Windows Media Player, Amarok…) ofertan distintas emisoras de radio ás que conectarse, o que é unha comodidade, se non fose que a maioría delas son estadounidenses de mais. Que pasa coas emisoras de aquí?

Imos ver o caso da Radio Galega. A versión en internet, visible dende o navegador, non amosa ningún botón ou enlace para gardala nun reprodutor. Sen embargo, o fluxo de audio existe e, navegando por aí, pódese atopar. É este: mms://85.91.64.23/RadioGalega. Para reproducilo, só hai que copiar esta dirección, elexir o botón “Abrir URL” do teu reprodutor favorito e acabouse. Así de sinxelo. Se usas Windows.

¿Que pasa con Linux?
Os linuxeiros teñen que dar un pequeno rodeo, porque o encabezamento mms indícanos que se está a usar un protocolo pechado de Windows, que ben pode ser o vello Microsoft Media Services ou, seguramente, o Real Time Streaming Protocol. O que importa é que nalgunhas das distribucións do pingüín non ven incluído por defecto, polo que nos vai aparecer unha bonita mensaxe de erro.

A solución pasa por instalar o plugin necesario para o reprodutor e o motor de audio que se queira utilizar. Por exemplo, para Rhythmbox, con gstreamer, chega con instalar o paquete gst-plugins-bad. En Debian sería así:

# aptitude install gstreamer0.10-plugins-bad

e o resultado, este:

Rhytnmbox

O meu iTunes (maqueiro) non o reproduce
Segundo din en macosxhints.com, en Mac hai que facer un pequeno hack para que funcione. O primeiro é asegurarse de que está instalado o plug-in Flip4mac, que permite ó OSX tratar co audio e o video de Microsoft. Logo ven o interesante: ábrese o fluxo co Quicktime (si, paciencia, o iTunes ven despois), e gárdase o fluxo como .mov co menú Gardar como… A continuación arrástrase ata a biblioteca musical de iTunes e xa se pode escoitar, coa desventaxa de que non vai estar na categoría de Radios.

Quicktime

Windows 7, por bo camiño

Por Pataco
Xan 21

Comeza o baile de cifras. Segundo tgdaily, Windows 7, o sucesor de Vista adiantarase uns meses, e estará nas tendas no segundo semestre de 2009. É unha estupenda noticia porque nos da unha base para calcular cando se vai atrasar.

Vista estaba anunciado para finais de 2003 e saiu a finais de 2006, sen algunhas das características que se anunciaran ó comezo. Daquela a Windows 7, Vienna, ou como lle chamen ó final chegará a Galicia, probablemente, en vagóns contedores do flamante novo AVE.

Windows 7

Arquivado en: Windows | Comentarios (0)

Método de adelgazamento do doutor Jobs

Por Pataco
Xan 15

Estimado/a señor/a:

Agora Vostede pode perder peso! Directamente dende a antiga e sabia China temos o gusto de presentarlle o Método Definitivo de Adelgazamento do Doutor Jobs! [soa un gong]. Elimine dunha vez e por todas eses quilos que non utiliza, e tamén algúns que sí utiliza. Non rechiste, faga caso, xa verá que figura máis xeitosa consegue! Está preparado?

Homer JobsPois logo ingrese a cantidade de $3.098 na nosa conta bancaria de Nixeria Cupertino. Non se nos bote atrás agora, carai… Claro que temos unha versión máis barata, pero é algo máis rudimentaria, só para xente sen glamur, non coma Vostede. E si, temos escoitado rumores de que a competencia oferta o mesmo cun prezo ben máis barato, pero son métodos de curandeira de aldea, non coma o noso.

Agora reláxese. Bote pra fora todo o que lle molesta. Pra que quere esa gravadora de DVD? Non escoitou que é un formato obsoleto? Quen usa xa os vellos CDs? Vostede non precisa unha gravadora, nin un lector deses discos tan grandes que parecen rodas de muíño. Esquézase das súas copias de respaldo dos últimos anos. Agora vive nun mundo novo…

Siga liberándose das súas ataduras… Que fai aí co cable de rede? Iso é unha síntoma de submisión voluntaria. Libérese, ho! Nos sitios ‘cool’ a onde vai ir a partir de agora todo funciona sen fíos. E se non é así, por que ir aló se ninguén se vai por verde de envidia co seu talle?

E xa postos… Para que tanto USB? Este método cre firmemente que este é un porto sobrevalorado. Se precisase usar unha gravadora externa, un adaptador RJ45, un rato, un disco duro, un lector de tarxetas, un micro ou unha tableta gráfica viríalle ben ter máis dun USB. Pero xa lle dixemos que Vostede non volverá depender destes aparellos. O noso Método non precisa de aditivos inútiles que só crean dependencia!

Ben, ben, xa empezamos a profundar no método. Pero vai necesitar dun procesador máis finiño, ese é demasiado gordo! Non importa que a potencia de procesamento baixe, o importante está no exterior!

Dicía o slogan de Apple que hai algo no aire. A min quedoume a sensación de que nos venderon fume.

¿Que vai dicir o tío Steve?

Por Pataco
Xan 14

Un dos deportes favoritos entre os maqueiros máis fanáticos é o de facer de adivinos cada vez que o tío Steve da unha charla (léase keynote). Os señores de Apple teñen a gala levar en segredo as súas grandes novidades e soltalas así, todas xuntas, como nunha sesión de sicoanalista. Incluso circula por aí un xogo en flash no que tomas o rol de Jobs e tes que esquivar ós xornalistas que van trala exclusiva.

Se Steve Jobs por un día

Para o espectáculo que se vai celebrar mañá día 15, os rumorólogos xa teñen preparada a súa particular lista. Se acertan, demostrarán que son os máis informados da galaxia, e se fallan, expresarán a súa ‘decepción’ porque a keynote foi descafeinada.

Le o resto da entrada »

Arquivado en: Apple, Mac | Comentarios (0)

… san Google nolo quita

Por Pataco
Xan 11

Licenciada en Arquitectura…
MBA polo Instituto de Empresa…
PDG polo IESE…
Directora xerente para España e Portugal en Dell…
Directora Xeral de Operacións do grupo NH Hoteles…
Elexida por The Wall Street Journal como unha das 30 empresarias máis poderosas de Europa en 2001…
Está entre as 50 executivas máis influíntes do mundo, segundo a revista Fortune, e unha das 50 mellores de Europa, segundo Financial Times…

Etc, etc,…isabel

Ata agora era a Directora Xeral da División de Google en España e Portugal. Deixa repentinamente o seu traballo, e, con semellante currículo, o seu xefe en Europa, Mats Carduner, asegura de todo corazón que o lamentan moito.
Por certo, escapóuselle nunha entrevista, hai cousa dun ano, un pequeno secreto de empresa sobre algo dun proxecto de Google relacionado con telefonía móbil. Unha menudencia.
A Pataca, sempre atenta ó quite, ofértase para o posto de traballo que deixa vacante esta directiva. A pataca lembra que veu de fábrica sen boca.

Navalladas

Por Pataco
Xan 10

Moito lle vai custar a Toshiba esquecer a edición 2008 da feira de Electrónica de Consumo (CES, abreviando) que remata hoxe. Moi pouco se falou dos seus novos produtos (teles, reprodutores de video), e demasiado (para a súa desgracia) do formato que patrocina, protexe e fabrica, o HD DVD.

Primeiro lanzou a pedra a gran produtora Warner, que retirou o apoio ó soporte HD DVD un día antes do comezo da CES. Iso non se fai, é augarlle a festa a calquera. Despois diso, os rumores comezaron a espallarse. Durante unhas horas díxose que Paramount, a principal valedora que lle queda en Hollywood, tamén rexeitaría vender as súas películas neste formato, aínda que despois todo resultou ser unha confusión.

Capeando a choiva de puñaladas trapeiras que lle estaban a caer, Dende Toshiba albiscaron a esperanza cando se fixeron fortes os rumores de que Microsoft sacaría a súa Xbox 360 con reprodutor HD DVD incorporado antes do fin da feira. De non dispararse os prezos, a consola podería seu un importante tanto a favor do HD DVD na guerra de formatos, pois é ben máis barata que a Playstation con Blu-Ray.
tu quoque

Pero o fado xogoulla a Toshiba. Microsoft chiscoulle un ollo a Blu-Ray no momento menos adecuado do continuo espacio-temporal. Tu quoque!!! Microsoft investiu tanto, polo menos, como Toshiba neste formato para virse agora con escrúpulos.

Con todo este cúmulo de pequenas desgracias, o HD DVD perdeu moitos puntos durante un acontecemento que expón os novos produtos ós ollos do gran público. Ou alguén da pronto un puñetazo na mesa ou Blu-Ray atopará que o camiño para facerse co soporte único se lle comeza a por costa abaixo. O HD DVD só lle faltaría perder o favor da industria porno, que co seu amplísimo mercado poñen e quitan reis nesta industria… Oh, wait!

Arquivado en: HD-DVD | Comentarios (0)
A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo

Comentarios recentes