ThinkSecret non morderá máis na mazá
Por Pataco
Dec 25A semana pasada remataba cun feito ben significativo no mundo dos blogueiros e dos usuarios de Apple.
A páxina adicada á rumoroloxía maqueira -esta xente éche ‘cool’ ata pra lerchear- ThinkSecret pechaba despois de chegar a un acordo coa empresa de Cupertino, que os denunciara un par de anos atrás por revelar información confidencial, é dicir, por chafarlle ó tito Jobs os seus grandes anuncios e “uan mor zings“.
A demanda tivo a súa orixe no ‘caso Asteroid’. Algúns sitios de noticias comezaron a informar de que Apple fabricaría un dispositivo chamado Asteroid, que se podería conectar co programa de composición musical Garageband. Máis tarde sóubose que tal aparello non existiría, senón que fora unha invención da dirección da empresa para descubrir quen vendía os seus segredos. Mais nunca se chegou a actuar contra ningún empregado, e as páxinas adicadas a rumores foron as que pagaron o pato.
A paz beneficia sobre todo ó creador do portal, un rapaz que non chegaba á vintena cando comezou esta aventura. O mozo di que a decisión lle da tranquilidade para adicarse ós seus estudos universitarios.
Apple chegara a ameazalo co cárcere, e ata agora ofertáballe o perdón, e posiblemente unha boa cantidade de diñeiro, a cambio de revelar a(s) súa(s) fonte(s) dentro da empresa. Finalmente non a revelou.
O que ven a demostrar esta maniobra que a piques estivo de resultar para a empresa da mazá é a distancia que separa a un blogueiro dun xornalista. O dereito a reservar as fontes é case sagrado no xornalismo norteamericano, que ante calquera ameaza che recita a Primeira Enmenda da súa Constitución, que recolle expresamente a liberdade de prensa (xusto ó lado da de expresión). Para aplicar este principio a un blogger, os abogados suaron tinta dous anos.
Quizais a parte positiva do asunto sexa que nos Estados Unidos conseguiron demostrar que ante os atropelos dunha multinacional, calquera persoa que traballe con noticias ten os mesmos dereitos deontolóxicos ca un xornalista. ¿Canto disto chegará á nosa periferia?
