Un ídolo geek

Por Pataco
Dec 18

Seguro que todos vostedes viron algunha vez unha desas figuras de San Pancracio de plástico cunha moediña de 25 pesetas que din que traen sorte. Ben. Agora imaxinen, con esa mesma forma, pero con algo máis de barriga ós dous santos geeks por excelencia. A un lado da pantalla, San IGNUcius. Ó outro, Mariano Rajoy. Non, en serio. Hai posibilidades de que este home, posiblemente sen querelo, se convirta no heroe dos internautas e consumidores en xeral de todo o Estado. Porque por unhas palabras ditas a destempo, este insigne galego -despois disto xa lle podemos dar o título, non?- pode ser o paladín que acabe co canon dixital en España.

Canon o bárbaro

Ben, isto xa da para o comezo dunha novela de Dan Brown. Véxamos…. “A entrada da cova, a piques de enfrontarse ó monstro de sete cabezas, o valente Mariano matinaba nas accións que o levaran a este desenlace…”

The facts (ou ‘Non nos liemos’)
As orixes recentes da historia podémolas atopar na tramitación da Lei de Propiedade Intelectual, aprobada alá por xuño. Nela definíase o canon, imposto que pagan os fabricantes -léase os consumidores- polo suposto uso ilegal que lle van dar a CDs, dispositivos USB, memorias Flash, móbiles, e outros. Que isto sexa o equivalente a pedir cartos ós cordeleiros porque as cordas valen para aforcar, ou que cometeran a bestialidade de querer cobralo con retroactividade, fundindo ós pequenos distribuidores, non influiu no resultado final.

Saltando algo no tempo, e obviando ademais que o canon non se aplicou porque os que teñen que decidir os prezos non acaban de porse de acordo, chegamos ó que se votou a semana pasada no Senado. A Lei de medidas de Impulso á Sociedade da Información (a LISI). Un pelotón de normas que foron quedando fóra doutras leis, e que deben servir para que nos sintamos máis 2.0. Un político galego tipo definiríaa como unha “lei transversal”, posto que modifica, polo momento, outras 5 leis.

Ata agora, a LISI era coñecida polos seus intentos máis ou menos encubertos de permitir ás entidades de xestión pechar webs, e nun plano máis alegre, por tentar garantir a banda ancha para todos no prazo dun ano.

E o PP dixo ‘Non’ (ou ’sí’, ou o que dixese)
Na Cámara Alta, a Entesa Catalana propuxo unha enmenda para obrigar ó Goberno a esquecerse do canon no prazo dun ano, e todos votaron polo si, salvo o PSOE. Dende o PP díxose nun primeiro momento que os seus senadores se equivocaran ó votar, pero estes confirmaron a súa decisión, e como non se falaba de ETA nin de fútbol, a cúpula do PP quedou desorientada sen saber cal era a postura oficial, e mirou cara o seu líder.

A todo isto, Mariano estaba en Arxentina, e como todo político con micro, non perdeu ocasión para posicionarse. Falou alto e claro, pero cun tono postelectoral: “se gaño eu…”. Só que en Madrí precisaban con urxencia un referente, e decidiron facer “lo que diga el presi”.

Así que agora Mariano, á entrada da cova (diso se trataba, non?) pensa nas opcións que ten de enfrontarse ó monstro. Apoiar ó canon de novo, votando ‘Non’ é algo arriscado. Os electores poden esquecer as promesas feitas o mes antes, pero non as de hai menos dunha semana. E coas eleccións tan preto, e ese millón e medio de votos firmas…

Tampouco é grata a opción de dicir que ’si’, a secas. Porque para ser unha entidade sen ánimo de lucro, a SGAE é mellor tela do teu bando que na beirarrúa de enfronte. E ademais, cumprir unha promesa electoral ANTES das eleccións? Pero en qué país civilizado se viu iso?

Queda a abstención. A idea primixenia. “Se eu goberno, moverei montañas”. Que elegante, que afeitos estamos todos a iso. Sería o lóxico. Pero entón, esvaeríase para sempre o de compartir escritorio con Richard Stallman baixo a forma dun icono cuasirelixoso. ¿Que elixirá Mariano?

Arquivado en: Como anda a horta...

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Mundo Beta

Non sei por que camiños chegaches, xoven aprendiz, pero aquí vas atopar o Coñecemento con maiúsculas. Falamos de tecnoloxía, de ciencia, desas pequenas cousas que ó final nos fan máis fácil a tarefa de tentar dominar o mundo