Unha fiestra aberta ó teu escritorio
Por Pataco
Dec 2Cantas veces te lamentaches por non poder consultar un arquivo que deixaches na casa. Pode que incluso te tortures pensando a ubicación exacta “desa carpetiña” que esqueciches de forma tan inoportuna, ou pode que as descripcións do familiar político de turno non sexan tan específicas como para que poidas oficiar de servizo técnico/pringao.
Nestes momentos, agradecerías simplemente unha fiestra máxica que che permitira ver a pantalla dos teus desvelos. Para controlar o escritorio gráfico dun ordenador por medio de outro existe a tecnoloxía VNC (computación en rede virtual). Non é a tecnoloxía máis veloz do mundo, e cunha conexión lenta pode ser un martirio, pero pode salvarche a mañá se te esqueciches de mander unha copia do traballo ó e-mail.
Instalación
Para executar este pequeno servizo precisas de dous programas distintos: o servidor, que instalaremos no ordenador que queiramos controlar, e o cliente ou visor, que poderemos levar connosco, posto que moitos non precisan nin instalación. A posta en marcha do servidor tampouco é complicada. Os usuarios de windows teñen varias opcións, a máis coñecida RealVNC. A instalación non depara máis sorpresas que un “seguinte” detrás de outro. Os maqueiros teñen esta funcionalidade de serie a partir de Tiger, na carpeta Compartir das preferencias do sistema.
En Linux e outros Unix existe vncserver, pero se usas Ubuntu ou outra distribución que traia o escritorio Gnome hai unha forma moi fácil de activar a VNC. Menú Sistema > preferencias > escritorio remoto. Activamos as opcións pertinentes e xa temos feita a primeira parte do traballo, e sen mezclar usuarios de Ubuntu con liña de comandos. Se ademais utilizas un router, posiblemente terás que abrir o porto que utiliza o VNC (e que soe estar entre o 5800 e o 5900).
Se todo vai ben, teremos un servidor en funcionamento apuntando a ningunha parte en concreto. ¿Como contactar con el? Aquí entran en xogo os visores.
TightVNC para Windows e Chicken of the VNC para OSX son boas opcións, e pódense levar nun lápiz usb a calquera lugar. No sistema do pingüino unha boa solución é o Client Terminal Server. O único parámetro que soe ser necesario nestes casos é a dirección IP do ordenador que queiramos “invadir” para que se abra a fiestra máxica.

Se nos cansamos de memorizar ou apuntar a cadea de numeriños que identifican a nosa computadora, chega o momento de dar un paso máis e configurar un dominio propio (con letras, si!) para o PC. Pero iso ha de ser tema para outro post.

ekibastos…
ekibastos…